Deixovos esta información que me acaba de mandar Pablo Carpintero, un maestro na reconstrucción de gaitas antigas, que vai abrir as portas do seu Museo-Obradoiro para dar unhas charlas certamente interesantes.
CHARLAS NO MUSEO-OBRADOIRO DE PABLO CARPINTERO
Preséntovos un ciclo de dez charlas didácticas, moitas delas son charlas-concerto, outras obradoiros didácticos, pero todas versan sobre música en xeral e música galega en particular. O obxectivo é divulgar o que fomos aprendendo nestes últimos anos sobre diversos aspectos da música e dos instrumentos musicais, para elo, ademais das explicacións faladas, poderedes escoitar os instrumentos musicais en directo, acompañados de explicacións e imaxes e, nalgúns casos, aprender a tocalos e construílos.
As charlas celebraranse na meu obradoiro-museo, en Meixonfrío (Santiago de Compostela) e serán sempre os domingos pola mañá, dende as 11:00 ás 12:30 aproximadamente.
As prazas están limitadas a un máximo de 25 persoas. Asistir ten un custo de 12 euros por persoa. Podes reservar xa a túa praza para a charla ou charlas que queiras. Para apuntarte escrebe ao meu correo: pablo.carpin@gmail.com indicando o teu nome e a charla ou charlas ás que queres asistir, ou chámame directamente a este teléfono: 626588381.
O programa é o seguinte:
1. As gaitas de fol no noroeste da península Ibérica. Dezaseis gaitas de fol diferentes, réplicas ou antigas, que percorren a variedade de gaitas que existe desde Sesimbra ata Asturias, co seu repertorio, percusión e técnicas particulares, explicadas nunha charla dunha hora e media de duración.
Data: 18 de outubro
2. Sobre as orixes da música. Nos últimos vinte anos a neuroloxía, etnomusicoloxía e a historia teñen avanzado moito no que respecta ao coñecemento do que é en realidade a música entendida como a suma de canto, baile e música instrumental. Explicaremos as últimas teorías sobre a orixe da música, así como a súa relación evolutiva coa linguaxe falada. Tamén repasaremos os instrumentos musicais máis antigos achados ata a data, os seus representantes actuais galegos e as implicacións que teñen.
Data: 15 de novembro
3. As cadeas evolutivas de instrumentos musicais en Galiza. Entre os máis de 150 instrumentos musicais achados en Galiza atopamos cadeas evolutivas que nos conectan directamente con tempos moi antigos, principalmente a través dos instrumentos que fabricaban os nenos e as nenas. Que significa isto? Que implicacións históricas ten?
Data: 13 de nadal.
4. Os instrumentos musicais femininos, orixe e evolución en Galicia. As mulleres galegas son depositarias dun coñecemento ancestral, o xeito de cantar e os instrumentos empregados son en moitos casos reliquias de tempos moi antigos, por que?
Data: 10 de xaneiro
5. As trompas. Instrumentos chamánicos reliquias de tempos pretéritos. Houbo chamáns en Galicia? Como son as nosas trompas? Con que trompas teñen que ver as Galegas? Como se toca unha trompa galega?
Data: 31 de xaneiro
6. Instrumentos musicas de palla. Un obradoiro didáctico. De onde veñen? Que significado histórico teñen? Como se constrúen?
Data: 21 de febreiro
7. As palletas. Este elemento é a alma de óboes e clarinetes, pero, que tipos de palletas existen en Europa? En que aspectos as palletas do noroeste peninsular son orixinais? Por que se chaman palletas? Como se constrúían as palletas antigas? Que aporta este coñecemento ao coñecemento da orixe das gaitas de fol?
Data: 6 de marzal
8. A orixe das gaitas de fol. Unha nova hipótese desenvolvida en base aos diferentes tipos de lingüetas que se achan en África e Europa, e que explica os achados iconográficos, históricos e organolóxicos, con audicións de moi diferentes tipos de gaitas de fol.
Data: 3 de abril
9. As gaitas de fol e os instrumentos aerofonos medievais. Unha nova hipótese baseada en experimentos con réplicas de gaitas á partir da iconografía que nos axudará a entender a xénese das nosas gaitas de fol e doutros instrumentos musicais, así como a súa importancia en Europa.
Data: 1 de maio
10. As gaitas de Pontevedra a finais do século XIX. No Museo de Pontevedra agardaba unha cápsula do tempo: gaitas, palletas, ferramentas, gravacións, partituras... ven a descubrir que teñen que ver as gaitas de Villanueva, a súa particular técnica e repertorio, coas gaitas medievais e coa orixe da muiñeira