Con este espazo pretendemos espaiar o traballo que, tanto mestres como alumnos levamos a cabo neste obradoiro. Esperamos que pouco a pouco vaiamos enchendo este blog entre todos. Non te cortes, mergúllate e participa.

xoves, 8 de outubro de 2015

Presentación do método web e físico: Pito Galego

Por fin teremos a presentación do método: Pito Galego - Método práctico.
Este proxecto sae á luz con dous formatos: web e papel, a versión en papel esta editada pola editorial ouvirmos.
A presentación será o vindeiro día 23 de outubro ás 19:00 h. na hemeroteca da escola. Animádevos a vir.
A continuación deixovos un pequeno texto descriptivo do libro, e unha pequena reseña sobre o seu autor: Moisés Quintas


Pito Galego: Método Práctico

Un libro e unha web forman o proxecto “Pito Galego”.
Nos dous formatos complementarios, fálase da orixe e evolución do instrumento e faise un estudo riguroso dos distintos pitos. Adxúntanse fotografías, máis de 250 gravacións de audio, máis de 200 exercicios progresivos, técnica, articulación, afinación, respiración… máis de 50 melodías tradicionais galegas (Alalás, Alboradas, Muiñeiras, Pandeiradas …) ordenadas por grao de dificultade, un obradoiro para construír o teu propio Pito de cana e moito máis… Son as palabras do mestre artesán Antón Corral as que abren este método, unha das persoas máis relevantes no mundo da Música Tradicional Galega, e a quen, sen dúbida, debemos a recuperación e perfeccionamento do Pito Galego.







Moisés Quintas:
Afeccionado á música dende neno, estuda guitarra e frauta traveseira nos conservatorios de Ourense, Cádiz e Vigo. É compoñente e membro fundador de distintas formacións musicais como Arco da Vella ou Trasmundi, coas que edita varios traballos discográficos. Tamén como frautista e guitarrista ten colaborado e gravado con distintos grupos folk como: Xeque Mate, Malvela ou Tino Baz. No ano 2011 coa editorial Ouvirmos publica a "Guía Didáctica de Instrumentos Galegos", un libro-CD con audio e pista interactiva en formato web, que presenta unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos galegos e as súas partes, coa súa etimoloxía, orixe e evolución. En maio de 2015 publica un método online en formato web para a aprendizaxe do Pito Galego con fotografías, audios, exercicios progresivos e máis de 50 melodías tradicionais galegas, recentemente editado en libro pola Editorial Ouvirmos
Na actualidade compaxina a súa profesión de docente na área de Educación Musical con seminarios, recollida de música tradicional, concertos, composición e arranxos musicais, ao tempo que desenvolve traballos didácticos sobre distintos instrumentos.