Con este espazo pretendemos espaiar o traballo que, tanto mestres como alumnos levamos a cabo neste obradoiro. Esperamos que pouco a pouco vaiamos enchendo este blog entre todos. Non te cortes, mergúllate e participa.

mércores, 6 de novembro de 2013

Esencias de torno 2. Acivro. (ilex aquifolium)

Ola novamente, aprobeito este ratiño de café, para facer unha nova entrada, a segunda da serie.
Hoxe vou falar do acivro, acibeira, (aceveda, acevedo, acevicho, aceviño, acevreiro, acevo, acevro, aciveira, aciveiro, acivo, acivra, acivreira, acivreiro, axivo, cebro, cibro, encebiño, escornacabras, picoloureiro, rascacú, vellebrán... e máis) chamado por algúns xardón; das súas bondades para o torno e a súa relación co mundo dos instrumentos de música.
Antes de nada advertir que é unha especie protexida nos espazos naturais e que en principio está prohibida a tala. En Galiza estivo a piques de extinguirse e protexeuse nos anos oitenta do pasado século. Non quedan xa grandes poblacións, si masas illadas en localizacións de montaña.
 Un exemplar mediano.
 
 
Os acivros alcanza xeralmentealtura de entre 2 e 5 m (chegando algúns exemplares até os 15 ou 20). As follas das pólas inferiores teñen beiras espiñentas pero nas superiores podemos atopar follas de bordos lisos, agás no ápice taménespiñento. A cor é dun verde escuro pulido máis pálido no revés.
 

Unha póla baixa
 
 
A cortiza, de pouco grosor e lisa, presenta unha cor gris verdenta e , da mesma maneira que o buxo (teñen caracteristicas similares) o sámago non se diferencia especialmente do cerme.
Da unha madeira pálida, as veces branca, as veces máis amarela, de gran moi fino e , grazas os seus propios óleos, ten moi bo acabado. As caracteristicas de dureza e densidade son próximas a do buxo (varian moito as mencións segundo a guía consultada).
 

Así o venden para facer casullas de plumase bolis. 
 
 
Presenta unha caracteristica que  lle dota dun valor extra. Amite moi ben os tiguidos polo que foi utilizada ampliamente como sustituto do ébano nos diapasóns das guitarras e as teclas dos pianos.
Tamén teño unha referencia que di que en tempos (antes do Imperio Británico e as colonias) moitas Piob Mhor estaban feitas de esta madeira. Pero o seu uso máis extenso foi para facer pezas de xadrez, tanto as brancas como as negras...
 

 Parece buxo eh... pois non!
 
 
Para os políglotas...portugues: azevinho; catalán: grèvol; euskaro: gorosti; francés: houx; inglés: holly wood (a especie americana que deu nome á Meca do cinema e o ilex opaca... tamén moi interesante); alemán: stechpalme; italiano: agriofoglio...
                                                       ... seguimos falando.




 

venres, 25 de outubro de 2013

Do que se pode facer coa gaita


  1. Recoñezo que a min persoalmente non me gusta demasiado, son mais tirando ó tradicional, pero coido que é interesante dar a coñecer o que se está a facer actualmente no mundo da gaita, e as incribles posi bilidades que coma instrumento musical posúe.

mércores, 23 de outubro de 2013

Esposición Proxectos na Emao

O próximo venres, 24 de novembro inauguramos unha nova exposición no ESPAZO EMAO. Nesta ocasión trátase dos proxectos realizados polos alumnos que remataron as súas respectivas especialidades. Esperámosvos.

Na presente exposición, producida integramente pola EMAO, presentamos algúns dos proxectos dos/as alumnos/as que remataron os seus estudos no curso 2011-2012 e que, ao longo do presente ano, materializaron a súa proposta inicial, man a man co seu titor/a. Do proceso proxectual, recóllense aquí os resultados, os productos creativos ou artesanais, que representan o froito parcial, unha mostra especial, da experiencia e o coñecemento vivido nas aulas e obradoiros ao longo dos seus estudos.

sábado, 19 de outubro de 2013

Esencias de torno 1. Buxo. ( buxus semprevivens )

Ola, ocórreseme comezar con esta entrada unha serie delas que traten sobor das diferentes madeiras, autóctonas  principalmente, que se poden levar ó torno para traballar na construcción de instrumentos de vento.
Empezo co buxo, madeira mítica tanto pola calidade dos acabados, pola sonoridade, a súa pouca disponibilidade, e a súa tendencia traicionera (a causa dos malos secados) a virarse...


Paseo dos buxos da illa de San Simón, un dos últimos buxedos de Galiza.

Os buxos (pau buxo, boxe en galego e portugues; boj, boje en castelán; boix em catalán; bosso en italiano, buis en francés, boxwood en inglés, e buchbaum en alemán) son arbustivos ou arbóreos; alcanzando entre 2 y 12 m de altura. As follas son lanceoladas redondeadas, opostas, coriáceas, de cor verde escuro.
Ramiña de buxo

A súa cortiza presenta un aspecto acorchado, o sámago e practicamente inexistente aparecendo básicamente o cerme aprobeitable.

Toriños
                       

A madeira, unha vez seca, é dun amarelo pálido que pode presentar trazas liñais máis escuras. Oscurece lentamente polos procesos de oxidación naturais chegando a tomar tonalidades pardas ou castañas en exemplares antigos. Os aneis de crecemento son apreciables pero moi finos, dando lugar a unha febra entrelazada de grán moi fino.
se atendemos ó manuais diremos que unha madeira moi dura con unha densidade variable  de 900-1030kg/m3 e unha dureza de9,0.
Presenta graves problemas de secado, tendendo a fender lonxitudinalmente, a virarse en espiral e a pasmarse (tomar tonalidades grises) pola acción da humidade. Resiste mal a acción dos fungos e desestabilizase cos cambios bruscos de temperatura con variacións notables de constricción e dilatación.


Ai

Respecto do proceso de secado tras do corte, fálase duna media mínima de entre 10 e 20 anos, recomendando facerse en trozos pequenos (non é doada de cortar e moitas veces presenta fendas internas) e baixo cuberta. En tempos curábase en esterco o que lle eugadía tanínos a madeira...

Todas estas dificultades perdonanse porque ten un timbre marabilloso, sen estridencias típicas das madeiras tropicais, e un acabado moi bonito.


........Falamos.

xoves, 3 de outubro de 2013

Gaitas de iniciación

Pois  preséntovos as novas gaitas de iniciación.
A súa mais importante característica é que son moi económicas, permitindo deste xeito un acceso mais doado a todos aqueles que queren comenzar coa gaita pero non dispoñen de moitos recursos.
As diferencias cunha gaita profesional van dende uns materiais moito mais baratos, ata u nha estética moi sinxela e sin adornos, co que se consigue reducir o número de horas de traballo, redundando isto nun prezo moito mais baixo.
En canto á calidade da afinación e a mesma que unha gaita profesional.

Esta e a gaita de iniciación estandar

E esta é unha gaita de iniciación infantil mais pequena (en RE), e cun fol feito a medida mas pequeno.
Esta leva ronquilla porque asi o quixo o neno (3 anos)

martes, 24 de setembro de 2013

Novos e vellos proxectos.

Esta semán voltamos a enfrontarnos coas madeiras e os tornos retomando o traballo xa iniciado. Eu poa miña parte estou xa rabeando por voltar e eso inspírame... Levo toda a mañá facendo isto:

xoves, 19 de setembro de 2013

Unha chaqueta ben gaiteira... outra curiosidade.

Organizando este verán o meu arquivo de imaxes (moitas tomadas da propia internet... con ou sen permiso) decateime desta curiosidade que so ten relación co mundo da gaita dunha forma tanxencial.
Fixadevos ben nestas fotografías...



...esta primeira foi tirada da colección de imaxes que realizou Ruth Matilda Anderson nos anos vinte nunha viaxe por Galiza , está datada en Betanzos no ano 26 do pasado século. O feito de que sexa a cor é unha mostra do avanzado da técnica desta evanxelista norteamericana...que vermello tan intenso!...
...esta segunda retrata á parella de manequís  que representaron ós tipos galegos na Exposición internacional de Barcelona do ano 1929...o manequí parece querer darlle a man ó mesmísimo Alfonso XIII..


...por último aquí están as fotos do Cafú recoñecido gaitero da entreterra de Betanzos até Mondoñedo...
...gustaba do viño, tocaba nas procesións, e o cotrataban para dar baile a mocidade... e posuía unha chaqueta de pano vermello remontada de veludo que recoreu moito máis mundo do que el xamais pensou...
...Pois eu xuraria que é a mesma chaqueta.

luns, 2 de setembro de 2013

PREINSCRIPCIÓN 2013/14

LEMBRADE que este venres día 6 remata o prazo de preinscripción na EMAO (Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo) para todas as especialidades, o que inclúe a Construcción Artesanal de Instrumentos Musicais (CAIM).
As clases comezarán o 23 de Setembro.
Aproveito tamén para lembrar que sigue aberta a Expo Branco e Negro no Espazo EMAO ata o próximo 3 de Outubro.

xoves, 11 de xullo de 2013

Válvula Pallón de gaita

Aqui podedes ver un traballo de investigación moi interesante para conseguir que o ronco e o punteiro empecen a soar ao mesmo tempo.
Investigación feita por Afonso Castro de O Rosal, que foi o primeiro alumno deste Obradoiro que montou o seu propio, ala polo ano 1984 ou 85 e dende aquela está traballando no oficio.